CRTVG

Buscar

Máis de catro mil persoas están citadas para a vacina contra a covid en Expourense

Publicado o 22/05/2021 12:51

Máis de 4.000 persoas, concretamente 4.020, están citadas ao longo do día de hoxe, mañá e tarde, en Expourense. Vanlles administrar a vacina de Moderna aos de idades comprendidas entre os 50 e os 59 anos. Abriron as portas un pouco antes das nove da mañá e o ritmo foi constante pero fluído. Os equipos de vacinación están xa moi rodados. Na provincia de Ourense levan administrado 230 mil doses, de maneira que preto dun terzo da poboación está xa inmunizada.

A actividade nun día de vacinación masiva aquí en Expourense concéntrase en tres espazos. O primeiro, ás portas do recinto feiral, as colas de entrada, longas por momentos pero áxiles...

"Eu de marabilla, oxalá me poñan a que lle puxeron ao meu marido, a Janssen, que só é unha dose. 'Tócalle Moderna'. Ai, cachis!". "Eu tiña moitas ganas, eu tamén, para estar máis tranquilos", din varias persoas.

Unha vez dentro, guiados por frechas e persoal de apoio, os citados diríxense aos boxes de vacinación.

"A verdade é que non sentín nada, moi ben, todo moi ben", comenta unha muller que se acaba de vacinar.

En menos dun minuto están listos para seguir circulando, agora xa coa vacina posta. Neste caso, a de Moderna.

"Tiña moitísimas gañas de poñela, canto antes, mellor", di unha muller.

E a última parada, antes de regresar á casa, é nunha sala de espera, habilitada para a ocasión. Quince minutos de repouso por se a vacina lles provase algunha reacción.

"Xa non vía a hora de vir, rendíame o tempo que non me chamaban. Agora dixéronme que dentro de 28 días", comenta outra muller.

Máis de 4.000 persoas foron citadas en Expourense, de 50 a 59 anos. Nesta provincia xa recibiron a pauta completa 90.000 persoas e máis de 50.000 teñen a primeira dose.

Noticias web

22/05/2021