CRTVG

Buscar

Máis de 87.000 familias galegas beneficiaranse do bono social térmico

Publicado o 09/11/2020 12:13
Máis de 87.000 familias galegas beneficiaranse do bono social térmico

Un total de 87.076 familias galegas poderán beneficiarse este ano do bono social térmico polo que a Xunta, a través do Inega, distribuirá 6,3 millóns de euros que son transferidos polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico.

O bono social térmico é un programa de axudas directas para compensar os gastos económicos dos consumidores máis vulnerables polo uso da calefacción, a auga quente ou a cociña. Os beneficiarios son os mesmos que teñen concedido o bono social de electricidade a 31 de decembro de 2019, segundo informa a Xunta nunha nota de prensa.

A axuda para percibir depende tanto da vulnerabilidade da familia como da zona climática en que estea a vivenda, e no caso de Galicia oscila entre os 49,84 euros e os 123,94 euros.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe, luns, a resolución coa listaxe de persoas ás que se lles concede a axuda. Os que deban enviar datos adicionais terán un prazo de 10 días hábiles, ata o 23 de novembro, para enviar a documentación necesaria ou para renunciar á axuda se o desexan.

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) xa enviou nestes últimos días cartas aos beneficiarios para informalos destas cuestións e habilitou o teléfono de atención 881 55 49 13 para aclarar calquera dúbida que poida xurdir.

A Xunta tamén destaca que acaba de ampliar as axudas galegas do bono social eléctrico, polo que nestes momentos xa se concederon 1.337.100 euros a un total de 4.126 familias.