Outono Gastronómico: produtos de temporada e innovación na cociña
Empezaron hai uns días, o 17 de setembro, e vanse prolongar durante todo o outono, ata o 19 de decembro. Participan 73 restaurantes galegos, 18 aquí, na provincia de Ourense, e este, a Rectoral de Ansemil, é un dos históricos. Leva participando nas quince edicións. Este ano, como non podía ser doutro xeito, traen produtos de temporada, como a castaña, o marmelo ou o mel.
A luz do outono cóase na Reitoral de Ansemil. Dentro fumega o forno de leña. Saen as racións de costela de porco desosada que se serven con salsa de ostras e castaña de Galicia con indicación xeográfica protexida.
Javier Torquati, cociñeiro da Rectoral de Ansemil: "Integramos produtos con denominación de orixe, no noso caso mel, castaña... para vender a gastronomía de calidade que hai no turismo rural".
Levan participando no Outono Gastronómico 15 anos, desde que se puxo en marcha. Combinan os produtos de temporada, da contorna, coas innovacións da nova cociña.
Participan 73 casas de turismo rural das catro provincias. Á parte das comidas, ofertan bonos de aloxamento. Unha iniciativa concibida para desestacionalizar o turismo exaltando o atractivo do campo no outono.
Ata o 19 de decembro hai prazo para descubrir o Outono Gastronómico galego.