Un lugués reincide no incumprimento das restricións e podería ser multado con ata 60.000 euros
Un hostaleiro do barrio da Ponte, en Lugo, foi denunciado por prolongar ata oito horas a apertura do seu bar. Os axentes comprobaron que a medianoite había luz e voces no interior do local, polo que chamaron á porta, pero non lles abriron. Daquela, agardaron ata que ás dúas da mañá comezaron a saír os clientes.
Eva Real, voceira da Policía Local de Lugo: "Requiren o propietario para que lles abra a porta. Fano en varias ocasións, non obtendo resposta por parte das persoas do interior e producíndose un silencio no local. Entón é cando deciden facer unha espera e establecer un control. Isto acontece sobre as doce da noite e cando comezan a saír do establecemento son as dúas da mañá. Nese control páranse dous vehículos e sométense a probas de detección de alcol os condutores, que dan resultado positivo".
Ambos condutores foron sancionados con senllas multas de 1.000 euros por conducir baixo os efectos do alcol e con outros 200 euros máis por teren a ITV caducada. Tanto os choferes coma os seus acompañantes foron ademais denunciados por transitar pasadas as dez da noite sen causa xustificada, o que supón cadansúa sanción de 500 euros.
Pola súa parte, a multa para o hostaleiro por non respectar o horario de apertura ascende aos 500 euros, aos que habería que engadir outros 60.000 por non colaborar cos axentes da autoridade. Aplícanlle a agravante de reincidencia, posto que no confinamento de novembro xa fora denunciado por ter clientes e non abrirlle á policía.
Eva Real, voceira da Policía Local de Lugo: "En ambos os dous casos trátase dunha infracción grave por non permitir a inspección por parte de axentes da autoridade. Neste caso, fai que modifique o importe da sanción, que pode ir dos 3.000 aos 60.000 euros".
Ao día seguinte, o mesmo hostaleiro foi denunciado de novo por incumprir a normativa vixente referente á capacidade da terraza.