CRTVG

Buscar

Máis de 60 mortos nos incendios que arrasan o norte de Alxeria

Publicado o 11/08/2021 12:06
EFE

A cifra de vítimas mortais polo centenar de incendios que arrasan a rexión alxerina da Cabilia (noroeste) desde o pasado luns ascendeu a 65, das cales 28 eran militares que faleceron durante os labores de extinción, segundo informou este mércores a televisión estatal. Segundo o último informe oficial, 12 militares continúan ingresados en "estado grave" por queimaduras despois de que acudiran en reforzo dos gardas forestais. 

O presidente da República, Abdelmadjid Tebboune, decretou hoxe tres días de duelo nacional a partir deste xoves e a suspensión de todas as actividades do Goberno central e rexional fóra das operacións de axuda.

Unha "traxedia nacional", sinalou o primeiro Ministro, Aïmene Benabderrahmane, que revelou onte á noite que os primeiros indicios apuntan a incendios intencionados e estudados para causar "os maiores danos posibles" polo que prometeu castigar os seus responsables.

Benabderrahmane asegurou que todos os afectados serán indemnizados e ordenou a requisición de todos os hoteis, incluídos os do sector privado, así como as residencias universitarias para aloxaraos centos de veciños que tiveron que ser evacuados dos seus municipios para fuxir das lapas.

Ante a falta de avións cisterna no país, anunciou, as autoridades levan a cabo unha operación para fretar varios aparellos desde diferentes países europeos. Máis de 80 focos seguen activos en plana vaga de calor con temperaturas que alcanzan os 47 graos, ademais da escaseza de auga que sofre unha parte importante da súa poboación. A isto súmase os fortes ventos e o difícil acceso ás zonas montañosas dificultan os labores de extinción e centos de habitantes de varios municipios foron evacuados e aloxados gratuitamente en hoteis e salas de festas da rexión.

O pasado 25 de xullo durante un Consello de Ministros, o presidente, Abdelamdjid Tebboune, ordenou a elaboración dun proxecto de lei para castigar os responsables de incendios voluntarios en zonas forestais con penas de ata 30 anos de prisión e mesmo cadea perpetua no caso de provocar vítimas mortais. 

90.000 hectáreas arrasadas en Grecia

Despois de nove días os incendios van remitindo en Grecia, aínda que persisten focos moi activos. Máis de oitocentos bombeiros loitan contra o lume na illa de Eubea coa axuda de efectivos da Unión Europea.

Na península do Peloponeso, tiveron que evacuar vinte poboacións. O Goberno anunciou un programa de axudas e unha gran repoboación forestal para as 90.000 hectáreas afectadas, porén os expertos din que tan só unha pequena parte se vai poder reforestar.

O sur de Italia tamén está a ser castigada polo lume. En Calabria a magnitude dos incendios fixo que o Goberno mobilizara o exército. O lume ameaza espazos naturais protexidos. As autoridades sicilianas pediron o estado de emerxencia para a illa.
 

Noticias web

11/08/2021