CRTVG

Buscar

Máis de 375 toneladas de pescada da Mariña véndense estes días por toda España

Publicado o 23/12/2020 15:17

A pescada é o emblema da pesca lucense, especialmente do porto de Celeiro e malia que o 2020 non foi bo en canto ás capturas, a súa demanda foi constante e máis aínda agora para as celebracións do Nadal.

"Dende o luns vendéronse unhas 200 toneladas de pescada. En función do tamaño hai moita diferenza nos prezos. A pescada dun quilo e medio vaise a uns 14, 15 euros. As pescadas de máis de catro quilos vanse ata os vinte euros e a pequena baixa moito máis", sinala Eduardo Míguez, director adxunto do porto de Celeiro.

Ás 200 toneladas que saíron de Celeiro hai que sumarlles outras 175 do porto de Burela. Toda esta pescada da Mariña acaban nos principais mercados do país e no prato de máis de millóns e medio de españois.

"Vai para toda España pero Madrid é o punto fundamental e sempre notamos cando hai peches, pontes, fins de semana... Pero vai a Barcelona, ao País Vasco ou a Valencia. A pescada de Celeiro chega a toda España", sinala Eduardo Míguez, director adxunto do porto de Celeiro.

As cifras de toneladas e prezos desta raíña do peixe branco son semellantes ás do pasado Nadal e non están marcadas pola pandemia.

Noticias web

23/12/2020