CRTVG

Buscar

Máis de 3.500 persoas, citadas para facer un cribado en Boiro

Publicado o 05/12/2020 22:07

Para algúns concellos esta é a primeira fin de semana en que teñen que cumprir medidas máis duras. Un deles é o de Boiro, o último en incoporarse á listaxe de municipios en máxima alerta pola covid. 

As 300 probas PCR feitas en pouco máis de dúas horas constatan a boa resposta dos veciños de Boiro á chamada feita polo Sergas.

Máis de 3.500 persoas foron citadas, cunha mensaxe no teléfono aos cribados voluntarios que se desenvolven no muncipio.

"O que estea convocado que veña, para así romper esta cadea", pide Salvador Mariño, director do hospital da Barbanza.

"Aínda que teñas unha cita ás catro da tarde, se non podes acudir, tes a túa mensaxe e o teu QR e váiseche facer igual, a intención é facerllo ao máximo número posible", afirma Isabel Dieste, subdirectora de enfermería do hospital da Barbanza.

Os tests comezaron o venres cos traballadores da hostalería. Acudiron nove de cada dez convocados Hoxe tócalles á poboación de entre 35 e 44 anos.

"É importante que a xente se implique porque así podemos saber a situación en que estamos realmente".

"É moi importante que veñamos todos porque, amais, a xente da idade que acudimos somos os que adoitamos movernos máis e estamos máis integrados no mundo laboral".

Logo de días en que os contaxios medran sen control, o concello está perimetrado. Non se pode saír nin entrar no muncipio, salvo causa xustificada e as reunións só poden ser de 4 persoas.

"Eu confío en que no cribado se detecte o máximo de asintomáticos porque a situación é preocupante", di o alcalde.

A hostalería só abre as terrazas e unicamente ata as cinco da tarde.

"A xente non sae á rúa porque ten medo". "O peche da hostalería afecta, hai menos movemento". "Esta mañá tivemos que estar avisando o sector hostaleiro que abriu, porque, a verdade, non se estaba cumprindo como era o noso desexo e esperemos que mañá estea todo en orde", di o alcalde.

Hai 84 casos confirmados, son 10 dez contaxios máis que o venres.

Noticias web

05/12/2020