CRTVG

Buscar

A mocidade gandeira reivindica o orgullo da profesión

Publicado o 19/04/2021 16:02

Nos últimos anos, un total de 356 mozos incorporáronse á actividade agraria. Entre eles están Andrea Canosa e Manuel Romero, persoas formadas que exercen con orgullo a profesión.

Ambos os dous decidiron coller as rendas das granxas familiares por vocación. O día a día é duro e esixente, pero tamén teñen tempo de quedar coas amizades e de gozar das vantaxes de vivir no campo.

Manuel, gandeiro de Bergantiños, sobe ao seu tractor e apaña o silo para as vacas. Con 19 anos, ten claro que esta é a vida que quere. Gústalle ser o seu propio xefe e traballar ao aire libre.

O mesmo pensa Andrea, que con 22 anos leva as rendas dunha explotación de 300 vacas en Dumbría. Tiña emprego como técnica de farmacia, pero deixouno para facer o que lle gusta: coidar dos animais na aldea onde naceu.

Malia que o gando esixe coidado diario, fan quendas para librar nunhas granxas cada vez máis profesionais e mecanizadas. As cousas, din, xa non son coma antes, e animan a deixar atrás antigos prexuízos sobre o traballo no campo.

Collen a remuda dos pais sabendo que haberá atrancos, pero tamén satisfaccións. É un camiño que elixen con formación, vocación e orgullo.

Noticias web

19/04/2021