CRTVG

Buscar

Máis de 30 propostas de sanción por un 'botellón' na praia de Razo

Publicado o 23/08/2021 14:34

Non é a primeira vez que sucede este verán na praia de Razo, pero a concentración de mozos rexistrada na madrugada do venres pasado foi unha das máis multitudinarias. De feito, moitos sabían da 'quedada' no areal, e os usuarios do campamento de surf que hai en Razo estaban advertidos deste tipo de concentracións.

Arredor de 200 persoas, segundo cálculos dos responsables municipais, xuntáronse no areal ata que interviñeron as forzas de seguridade, que xa estaban avisadas da probabilidade da concentración.

Así o confirma o concelleiro de Seguridade de Carballo, Juan Seoane, que explica que foi a Garda Civil quen solicitou os reforzos da Policía Local para intervir e dispersar os mozos.

Policía e Garda Civil tomaron os datos dunha trintena de persoas, que serán propostas para sanción, unha delas mesmo foi trasladada ás dependencias policiais ao se negar a identificarse. Desde o concello de Carballo xa intensificaron a vixilancia para evitar novos botellóns na zona.

Veciños e veraneantes piden que se actúe contra esta actividade.

Carballo baixou esta fin de semana a nivel medio de restricións pola covid-19. A incidencia acumulada da enfermidade a 14 días sitúase en 314 casos por cada 100.000 habitantes.

Noticias web

23/08/2021