CRTVG

Buscar

Citan máis de 2.800 persoas na fin de semana para un cribado en Negreira e Carnota

Publicado o 19/12/2020 15:02

O centro de saúde de Negreira abriu as portas ás 9 da mañá. O Sergas citou aquí 1.459 persoas a un cribado de covid-19, para someterse a unha PCR.

Unha das persoas citadas explica que o cribado está "moi ben xestionado" porque "é un circuíto pechado onde non batemos uns cos outros."

As persoas convocadas en Negreira para someterse a esta PCR teñen entre 30 e 44 anos. Esa foi a franxa de idade seleccionada. O motivo, segundo explica Paula Boga, supervisora de Área de Medicina Preventiva de Santiago, vén dado porque "a incidencia nesa franxa de idade estudouse que é a máis alta nestes momentos, é onde se están concentrando a maior parte dos contaxios. Como temos que reducir a franxa, non se pode cribar a todo o mundo, non somos capaces, selecciónase a franxa que máis incidencia ten."

Tres equipos de Medicina Preventiva desprazáronse a Negreira para realizar as PCR, a toma de mostras nasofaríxeas permitirá saber se a persoa está infectada ou non.

Un dos pacientes que fixo a proba di que hai que concienciarse e "colaborar no que se poida, que non custa nada, son cinco segundos un pouco molestos pero aí temos que estar."
Olga Miralles Sieira, Técnica en coidados auxiliares de enfermería da Medicina Preventiva, asegura que "a proba é moi rápida e non leva nin un minuto facela. É unha proba que é molesta pero non doe."

Segundo os datos do Servizo Galego de Saúde, en Negreira detectáronse 29 novos casos de infección por covid-19 nos últimos catorce días, arestora hai máis de 250 positivos. O concello sitúase agora no nivel medio alto de restricións. A hostelería só pode abrir ata as 17:00 da tarde e as reunións sociais permítense cun límite de catro persoas non conviventes.

Noticias web

19/12/2020