CRTVG

Buscar

Máis de 2.000 peregrinos chegan a diario a Compostela este mes de agosto

Publicado o 15/08/2019 14:15

Santiago de Compostela segue batendo marcas no que a peregrinos se refire. A media diaria durante o mes de Agosto supera xa os 2.100 camiñantes, 300 máis que os que chegaban o ano pasado por estas mesmas datas.O camiño francés e o portugués seguen a ser os máis populares.

O número de peregrinos que chegan diariamente a Compostela segue en aumento. As previsións apuntan que este mes superaremos con creces os máis de 60.000 peregrinos de Agosto do ano pasado. Diariamente pasan pola oficina do peregrino máis de dous mil cen camiñantes, 300 máis que hai un ano. O camiño francés e o portugués seguen a ser os mais populares.

A gran afluencia de peregrinos provoca dende ben cedo longas ringleiras nos accesos á catedral e é que ninguén quere perderse a oportunidade de abrazar ao Apóstolo. Os camiñantes din que as emocións desbórdanse ao entrar no Obradoiro.

Uns fan o camiño por motivos relixiosos, outros por motivos culturais e outros simplemente por deporte... pero malia que as motivacións son distintas as sensacións ao acabar son as mesmas. Todos coinciden en que é unha experiencia incrible e moi recomendable.

Dende a oficina do peregrino agardan que a tendencia á alza no número de peregrinos continúe durante o que queda de verán.

Noticias web

15/08/2019