CRTVG

Buscar

Rebumbio e nervios ás portas dos colexios no reencontro cos compañeiros e mestres

Publicado o 09/09/2021 08:28

• Os centros manterán as medidas básicas e os grupos burbulla

• Os alumnos non poderán compartir material de uso propio

• Educación agarda que este curso avance cara á normalidade

 

Comeza en Galicia un novo curso escolar. Día de rebumbio e nervios hoxe ás portas dos colexios. Arranca un novo curso, é momento de despedirse dos pais, de reencontrarse cos compañeiros e cos mestres e cada un afróntao á súa maneira. Nenos e pais recoñecen que foi unha noite de nervios polo inicio do curso.

A volta ás aulas non só lles afecta aos alumnos. Tamén supón retomar rutinas, horarios e organización para as familias. Para estas tamén comeza unha etapa nova e toca adaptarse ás rutinas dos nenos.

Máis de 187.000 alumnos galegos inician este xoves as clases en infantil, primaria e educación especial no que será un ano marcado outra vez polas medidas sanitarias e a pandemia da covid−19.

Segundo os datos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, 55.698 alumnos inician as aulas en infantil, 2.356 nenos menos respecto ao curso pasado, a maioría na pública (39.191) fronte a 15.414 na concertada e a privada con 1.093 alumnos.

En primaria serán uns 130.774 alumnos os que empecen as clases, cun descenso na matrícula que alcanza os 2.482 estudantes. Deles, 92.084 alumnos acudirán a centros públicos este ano, fronte aos 35.921 dos centros concertados e os 2.769 dos privados.

Medidas sanitarias

O protocolo educativo mantén as medidas esenciais de protección individual e colectiva. O uso da máscara é obrigatorio a partir de seis anos e hai que ventilar os espazos. Alívianse parte das restricións para permitir unha maior interacción entre o alumnado en determinados contextos. A actividade lectiva será presencial en todas as etapas e os centros estarán abertos todo o curso para asegurar o servizo de comedor e o apoio lectivo a menores con necesidades especiais ou pertencentes a familias socialmente vulnerables.

Infantil e primaria manteñen os grupos burbulla ou de convivencia estable, sen limitación de distancia, que este ano poderán interactuar con outros grupos do mesmo centro ao aire libre en caso dun escenario de transmisión moi baixa. O alumnado non poderá compartir material de uso propio, pero si terá maior liberdade para compartir outros obxectos e xogos.

Educación espera que este curso avance cara á normalidade

O conselleiro de Educación Román Rodríguez manifestou que o curso escolar que comeza é unha "oportunidade" para avanzar na recuperación da normalidade no ensino galego. Nunha visita á nova Escola de Educación Infantil de Coirós (A Coruña), Rodríguez agradeceu aos alumnos, familias, profesorado e equipos directivos o seu traballo na pandemia que, augurou, "volverá ser un exemplo para todos este curso".

O conselleiro referiuse ao compromiso dos 198 directores de centros escolares que se estrean este curso ao daren "un paso adiante" neste momento. Segundo Román Rodríguez, Galicia está preparada para que os centros sigan sendo lugares seguros grazas á vacinación e á experiencia.

Noticias web

09/09/2021