CRTVG

Buscar

Máis de 150 participantes nunha xornada de limpeza de areais na Illa de Arousa

Publicado o 21/04/2021 14:27

Grupos de voluntarios participan na limpeza dos areais e fondos mariños no contorno do parque natural do Correirón, na Illa de Arousa. A actividade encádrase dentro do programa Plancto, da obra socia de Abanca, para fomentar a conservación e sostibilidade das Zonas de especial protección para aves mariñas de Galicia. Son ás dez da mañá e este pequeno grupo xa está listo para retirar o lixo do sector que ten asignado, dúas praias próximas ao parque natural do Carreirón, na Illa de Arousa.

Pero antes cómpre prestar atención ás instruciós dunha das coordinadoras desta operación de limpeza, que lles explica como anotar e clasificar os restos recollidos. Unha vez na area, o que toca é recoller todo o lixo posible, madeiras, restos de aparellos e todos os produtos fabricados con derivados do petróleo, como os plásticos que ao descompoñerse en micropartículas contaminan o medio e chegan á cadea alimentaria.   

160 persoas en total, o que inclúe mariscadores, alumnos de centros de ensino e educación especial e membros de grupos ecoloxistas, participan nesta xornada de limpeza dos espazos mariños, organizada pola obra social de Abanca.

Noticias web

21/04/2021