Máis de 100 mortos e 4.000 feridos pola grande explosión no porto de Beirut
As primeiras imaxes que nos chegan dende Beirut falan por si soas do nivel da traxedia. A explosión dun almacén que contiña 2.750 toneladas de nitrato de amonio deixa de momento máis de 100 mortos e catro mil feridos.
As testemuñas contan que escoitaron unha primeira explosión e cando intentaron mirar que sucedía, unha segunda detonación provocoulles as feridas, principalmente por cristais que voaban polos aires. Foi o caso dos ocupantes deste vehículo.
A onda expansiva superou os cinco quilómetros; de feito toda a cidade foi declarada zona catastrófica e decretouse o estado de emerxencia durante dúas semanas. Calcúlase que unhas 250 mil persoas puideron quedar sen fogar.
Hassan Diab, primeiro ministro do Líbano, dixo na televisión que os responsables polo almacenamento deste material inflamable sen as medidas de seguridade axeitadas pagarán polo sucedido. Tamén avanzou a liberación de 100 millóns de libras libanesas do orzamento do 2020 para facer fronte a esta situación de emerxencia.
Varios países europeos e árabes xa ofreceron a súa axuda, entre eles Israel que dende hai anos non ten relacións diplomáticas co Líbano polo seu conflito con Hizbulá.
No Líbano hai actualmente despregados uns 600 soldados españois. Dende o Ministerio de Defensa asegurarón que non se viron afectados pola explosión.