Carta dos expertos aos gobernos para que axusten as medidas anticovid á evidencia científica
Axustar as medidas de prevención da covid á evidencia científica acumulada durante todo este ano. Esa é en esencia a petición dos expertos ás autoridades sanitarias das diferentes administracións.
Sitúan a máscara entre as medidas máis eficaces. Por iso piden a retirada das que non protexen e campañas de información para o bo uso das homologadas. E que sexa obrigatorio utilizalas en ámbitos laborais pechados aínda que se manteña a distancia de seguridade.
Un dos asinantes, o catedrático de Inmunoloxía Alfred Corell di que un ano despois hai moita xente que non sabe usar correctamente a máscara, como axustala á cara ou canto tempo se pode utilizar.
Reclaman a implantación urxente e xeneralizada de medidores de CO2, sobre todo nos centros educativos. E o uso de filtros HEPA. Din que ten pouca xustificación técnica o control de ocupación. E piden normas claras e criterios comúns para evitar a confusión existente sobre a importancia da ventilación para frear os contaxios. Corell di que hai que ventilar os interiores con aire exterior de maneira prioritaria. Tamén os centros de traballo pechados e as vivendas cando nelas estean non conviventes.
E o mesmo que inciden no risco dos interiores piden que se promovan as actividades no exterior. Manter abertos parques e xardíns, animar a facer actividades sociais, familiares e escolares ao aire libre sempre que sexa posible e ser vixiantes coas terrazas con peches que impidan a ventilación.
"Está demostrado cientificamente que ao aire libre se reduce por vinte, non por un nin por dous, as posibilidades de contaxio", asegura o catedrático de Inmunoloxía.
A carta dos científicos remata cunha proposta: apostar forte pola divulgación para que a xente comprenda a lóxica das normas que ditan os gobernos.