CRTVG

Buscar

Máis de 1.200 persoas, citadas a un cribado en Carnota para detectar asintomáticos

Publicado o 20/12/2020 15:12

Nas últimas dúas semanas detectáronse en Carnota 20 novos casos diagnosticados de covid-19, e son eses casos os que fan que se convoque a poboación a un cribado aleatorio coma este. Dende o punto de vista epidemiolóxico, ás veces o máis importante non é o aumento dos contaxios, senón como se produciron.

Mónica Conde Pájaro, supervisora de Medicina Preventiva do Hospital Clínico de Santiago, explica que "non é o mesmo ter vinte persoas ligadas a un colexio, a unha residencia ou a unha fábrica, que están localizados, como ter catro ou cinco ou seis focos diferentes, que non sabemos por qué se contaxiaron ou se hai relación entre eles. Cando temos varios focos isto despístanos moito e é cando se decide facer o cribado."

O Sergas convou 1.359 pacientes, pero só foi posible contactar con 1.285. Cando finalice o día será posible saber cantas persoas acudiron finalmente para someterse a estas probas. Acudir a estes cribados é voluntario, por iso é tan importante a implicación da cidadanía, porque multiplica as posibilidade de detectar asintomáticos e trazar a orixe dos contaxios.

Algunha das persoas que se someteron á PCR contan que van todos os días a traballar a Santiago e que "aínda que mantés todas as precaucións no traballo polo tema da covid, sempre estás en contacto con xente." Outro paciente asegura que "temos medo. Non andamos moito por aí, pero andamos. Eu apártome da xente pero... eu que sei!"

Carnota e dous dos concellos cos que limita, Dumbría e Mazaricos, están agora en nivel medio alto de restricións, no que só se permiten as reunións dun máximo de 4 persoas non conviventes.

Noticias web

20/12/2020