CRTVG

Buscar

Máis da metade dos galegos consomen alimentos ecolóxicos

Publicado o 26/04/2021 20:54

Por vez primeira en 24 anos hai máis galegos consumindo produtos ecolóxicos que os que non o fan. E un 12 % da poboación consómeos a diario. Son datos do barómetro elaborado polo Craega, a entidade que certifica a agricultura ecolóxica en Galicia. Froitas e hortalizas, ovos e leite e derivados seguen a ser os máis demandados, e cun incremento da carne de distintas especies que xa roza o 40 %.

"Inclusio un 10 % dos enquisados din que consumiron máis alimentos ecolóxicos durante a pandemia que antes dela. Hai un interese en aumento por estes produtos en Galicia", salienta Javier García, secretario do Craega.

Case o 92 % dos galegos teñen coñecemento dos produtos ecolóxicos e mércanos principalmente en supermercados de proximidade, cun 85 % do total. O escaso uso de produtos químicos, o coidado do medioambiente e o feito de que son bos para a saúde son os motivos que levan os consumidores a mercar alimentos ecolóxicos. Que teñan un prezo algo máis elevado que os convencionais non é algo que afecte as vendas.

"Moita xente preocúpase por enfermidades asociadas á alimentación, e por iso se prioriza máis consumir estes produtos", asegura o gandeiro ecolóxico Xosé G. Freire. 

En Galicia hai preto de 1.200 gandeiros e agricultores que producen en ecolóxico e traballan sobre arredor de 34.000 hectáreas de terreo.

Noticias web

26/04/2021