Máis cámaras e iluminación para loitar contra o vandalismo na zona vella compostelá
Mellorar a iluminación e instalar máis cámaras de seguridade en lugares estratéxicos da zona vella compostelá, como a praza do Toural, e que, ademais, eses dispositivos poidan gravar son as principais medidas para evitar os actos vandálicos. Os veciños celebran estas iniciativas.
Os empresarios tamén valoran estas medidas, pero cren que se deberían aplicar as normativas xa existentes para exercer unha maior presión sobre os vándalos que se moven pola zona.
Fernando Parafita, xerente da cervexería A Liga: "Hai leis, hai normativas, pero non se aplican. Polo tanto, espero que tanto as cámaras como a iluminación melloren esta circunstancia, pero, volvemos ao mesmo, ten que haber normativas e teñen que aplicarse. Iso, para min, é o gran problema".
O último incidente foi hai só uns días. A finais de setembro, na rúa do Vilar, un home rachou o escaparate dunha xoiería coa tapa dun sumidoiro e levou parte do material exposto.