Máis altas ca contaxios pola covid fan que os casos activos baixen dos 20.000
Hoxe temos 3.000 casos activos menos ca hai escasamente unha semana; o número de altas médicas supera o número de contaxios e a curva segue en tendencia descendente. Ademais hai outro dato, a positividade das PCR, que hoxe está por baixo do 5 %, o limiar que marca a OMS.
Hai satisfación entres os membros do comité clínico que asesora a Xunta, pero rexeitan un excesivo optimismo porque as incidencias, aínda que están baixando, seguen moi altas. Ademais, os datos de hospitalización aínda flutúan, hoxe cunha lixeira subida de camas ocupadas por covid tanto en planta como en UCI.
"Temos aínda unha ocupación moi importante nas UCI, que deixou de medrar, pero que está estabilizada cunha ocupación de arredor de 250, que é moi alta", explicou esta mañá o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.
O comité clínico pide paciencia. Deben ter en conta tamén a circulación das novas cepas, ante a constación de que a presenza da británica puido provovar un crececemento máis explosivo dos contaxios.
"Analizamos os datos todos os días, temos mañá reunión do comité clínico e analizarase a evolución, pero aínda é pronto para dicir que imos facer a semana que vén", advertiu o titular de Sanidade.
"Normalmente a curva descendente é máis lenta ca a ascendente. A ascendente é rapidísima; a descendente cústanos dúas, catro, seis semanas", engade Pilar Farjas, membro do comité clínico.
Os contaxios xa son menos ca as altas médicas e a tendencia consolídase, pero, advirten, o virus aínda circula demasiado: "A incidencia e o número total de infectados dinnos cal é a caga viral do conxunto dos galegos e debemos saber que, aínda que empeza a baixar, é altísima. O único xeito de controlar é intensificar a busca, intensificar os rastrexos e intensificar o illamento dos infectados".