CRTVG

Buscar

Maduro proclama a vitoria e Guaidó chama a seguir protestando na rúa

Publicado o 01/05/2019 14:07

Os enfrontamentos, que comezaban na base militar da Carlota trala liberación do dirixente opositor Leopoldo López, fóronse extendendo co paso das horas por toda Caracas. A organización Foro Penal falaba ao final da xornada de 119 detencións e preto de 70 feridos, segundo a axencia EFE.

Nas últimas horas, o Goberno de Chile, a través do seu ministro de Exteriores, aseguraba que Leopoldo López maila súa familia estaban refuxiados na embaixada de España en Caracas.

O presidente Maduro comparecía ao final do día, rodeado de militares e do seu gabinete, incluido un novo xefe do Servizo Bolivariano de Intelixencia. Fíxoo para anunciar a vitoria sobre a que chamou "escaramuza golpista".

"Coa verdade como espada, como escudo, fronte a tantos ataques e tantas mentiras, por iso saimos vitoriosos en todas as coxunturas e imos seguir saindo vitoriosos", dicía Maduro. 

Advertiu aos responsables de que non haberá impunidade e negou que tivese intención de abandonar o país como declarara o secretario de Estado dos Estados Unidos, Mike Pompeo.

Pola súa parte, Juan Guaidó negou que Maduro teña o apoio das Forzas Armadas, ás que lle pide lealdade e chamou a seguir protestando neste primeiro de maio.

"Chamamento ás Forzas Armadas e seguir avanzando na Operación Liberdade. No primeiro de maio, seguimos. Estaremos nas rúas", dicía Guaidó.

O Grupo de Lima, reunido en sesión permanente, emitiu un comunicado no que respaldan o proceso emprendido por Guaidó e negan que sexa un golpe de Estado.

TOTAL CARLOS HOLMES TRUJILLO, CANCILLER DE COLOMBIA.

A ONU fixo un chamamento á calma e a evitar que haxa máis violencia no país.

 

Noticias web

01/05/2019