CRTVG

Buscar

Maduro impón 30 días de racionamento eléctrico en Venezuela, que deixan o país a medio gas

Publicado o 01/04/2019 20:17

Nunha mensaxe televisada e rodeados dos seus ministros, Nicolás Maduro anunciaba trinta días de racionamento eléctrico para Venezuela, o tempo que considera necesario para reparar toda a rede e para repoñer a electricidade no país, que leva un mes padecendo continuos apagamentos.

Nicolás Maduro, presidente de Venezuela, "estamos concentrados, eu en concreto estou concentrado en repoñer, reconstruír todo o que se destruíu con estes golpes eléctricos".

A falta de electricidade agrava a situación dos venezolanos. Centos deles saen á rúa en busca de auga, que escasea polos fallos eléctricos. Súmanse aos que padecen falta de comida e de medicamentos, que provocan situacións desesperadas entre a poboación.

"Temos nenos e non temos nin unha gota de auga para darlles", "estannos matando de fame e quitándonos a saúde, por iso eu xa non teño medo, e dígolle a Maduro que xa matou a miña muller, que me mate a min tamén".

Nos próximos trinta días o país estará a medio gas: están suspendidas as clases, e os empregados públicos traballarán só media xornada. A oposición, con Guaidó á cabeza, denuncia a incapacidade do Goberno para afrontar a crise que vive o país.

Noticias web

01/04/2019