CRTVG

Buscar

Madurando o queixo seis metros baixo terra

Publicado o 01/02/2021 17:19

Unha gandería do Páramo, en Lugo, decidiu construír unha cova para madurar os seus queixos de xeito natural. É a primeira queixería baixo terra que temos en Galicia e nela maduran os queixos duns gandeiros que decidiron facer elaboracións singulares para dar máis valor ao seu leite.

Grazas á humidade que brota dun manancial e á temperatura de dez graos da cava, os queixos collen uns matices únicos tanto no interior como na codia, que, por certo, é comestible.

O segredo desta queixería está a seis metros baixo terra. Un corredor de granito integrado na ladeira condúcenos ata a cámara do tesouro. Unha neveira de pedra para que o queixo cure coa axuda da natureza.

Cada día voltean á man os queixos. Os sabores van prendendo na pasta e na codia grazas á humidade que emana da parede. O resultado, uns queixos diferentes, orientados ao mercado gourmet.

Grazas á cova aforran enerxía e non impactan na paisaxe de Quintián, onde pasta o seu gando e onde reciben con agarimo todos os 'queixoturistas' que busquen experiencias e sabores fóra do común.

Noticias web

01/02/2021