Falecen dous mozos en Muros e outro en Culleredo en dous accidentes de tráfico
• Un coche cae o mar en Muros e falecen dous dos catro ocupantes
• En Culleredo morre un mozo de 22 anos tras bater contra unha casa
Madrugada do sábado con tres vítimas mortais en Galicia. Dous mozos morreron ao caer o seu coche ao mar no porto de Muros e outro faleceu en Culleredo.
En Muros un coche caeu ao mar no porto con catro ocupantes, todos menores de 30 anos. Dous deles, de 19 e 29 anos, faleceron despois de seren rescatados polos servizos de emerxencia e un mergullador que non conseguiron reanimalos. Os outros mozos que ían no vehículo, os dous de 22 anos, resultaron feridos e conseguiron saír a nado.
A outra vítima mortal faleceu nun sinistro en Culleredo nun coche no que tamén viaxaban catro mozos. O vehículo saíu da vía e bateu contra unha casa. Ademais do falecido, de 22 anos, os outros tres ocupantes están feridos graves.