CRTVG

Buscar

Madrid rexistra o maior foco de contaxio nunha residencia de maiores, onde vivía a terceira falecida en España

Publicado o 05/03/2020 21:09

Douscentos sesenta e un casos en España. É a cifra oficial ás seis da tarde.  Dez  están ingresados na UCI, en estado grave, e hai tres falecidos. Murcia, Ceuta e Melilla continúan sen rexistrar ningún contaxio de coronavirus. Madrid está no extremo oposto, con 90 casos confirmados.

Madrid reforza as medidas preventivas en todos os centros e residencias de maiores da comunidade, despois de se detectaren varios positivos entre os internos dunha delas, La Paz, onde residía a terceira vítima mortal do coronavirus en España. Ademais da falecida, está afectada unha auxiliar de enfermería e entre oito e dez usuarios máis.

Todos teñen máis de 80 anos, o grupo de idade máis vulnerable ante o virus.

Con todo, España segue en fase de contención. Contados globalmente, os números impresionan menos. "En España hai 0,4 casos por cada cen mil habitantes", di Fernando Simón, director do CCAES.

Os ministros de Sanidade da UE reuniranse este venres en Bruxelas para reforzar a coordinación e unificar medidas para que a loita contra o virus sexa máis eficaz.

Salvador Illa asegura que vai propoñer que as medidas que se adopten sexan compartidas por todos os paises da UE.

Tamén se está coordinando coa UE a compra conxunta de medicamentos e material sanitario para garantir, segundo Fernando Simón, o control do prezo e que non haxa especulación no proceso.

Sanidade insiste en que o abastecemento de equipos de protección para os profesionais sanitarios está garantido.

Aprázase dúas feiras de alimentación

Dúas das feiras de referencia para o sector alimentario español, Alimentaria, en Barcelona, e Salón Gourmet, en Madrid, tamén sofren as consecuencias do coronavirus. Realizaranse en xuño, e non en abril como estaba previsto. Os organizadores explican a decisión por mor da necesidade de garantir a integridade física de expositores, visitantes e provedores. Esta feira reúne cada ano en Barcelona máis de 2.000 expositores, 57.000 produtos e máis de 100.000 visitantes.

Noticias web

05/03/2020