CRTVG

Buscar

Madrid inaugura, con polémica, o hospital de emerxencias Isabel Zendal

Publicado o 01/12/2020 17:49

• O centro, aínda non rematado, comezará a recibir pacientes a próxima semana

• Isabel Zendal, a enfermeira galega que participou na primeira expedición de vacinación universal

Madrid acaba de inaugurar o seu hospital de pandemias, que leva o nome da enfermeira galega Isabel Zendal. Xa está operativo, pero aínda non completamente rematado.

Estas son algunhas das súas características: Contará con máis de 1.000 camas, 48 de coidados críticos. Cunha superficie de 80.000 metros cadrados, o seu custo xa supera os 100 millóns de euros. De momento só abrirá un dos pavillóns. Recursos Humanos calcula que precisará 700 profesionais. Nun principio comezará con 116. Trasladaranos doutros centros. 

Esta apertura do hospital Isabel Zendal non está libre de polémica. Os partidos da oposición en Madrid e máis os sindicatos declinaron a invitación para asistir á inauguración. Ás portas do centro houbo protestas e a presidenta madrileña foi recibida con apupos de persoas que protestaban contra a construción desta infraestrutura e pedían a "dimisión" da xefa do Executivo madrileño.

A próxima semana esta nova instalación comcezará a recibir pacientes, que en primeira instancia serán atendidos por 116 profesionais que voluntariamente pediron o traslado ao novo centro. Segundo explicou o conselleiro de Sanidade, Enrique Ruiz Escudero, estase preparando un plan para trasladar personal adicional, que sairá dos 11.324 contratados con motivo da pandemia "segundo vaiamos tendo necesidades".

O conselleiro de Sanidade non quixo concretar cal foi o custo deste novo hospital, pero asegurou que non había desviación sobre o previsto inicialmente que andaba en torno aos cen millóns de euros.

En canto ás persoas que van ser atendidas, dixo que inicialmente se buscará "derivar pacientes que estean nas urxencia dos hospitais" e que cifrou agora mesmo "entre uns 140 e 150 diarios", buscando así desconxestionar o Servizo Madrileño de Saúde.

No acto de inauguración non estiveron presentes representantes do Goberno nin da oposición en Madrid. O ministro de Sanidade, Salvador Illa, xustificou a súa ausencia por motivos de axenda. Na conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros, a voceira do Executivo, María Jesús Montero, dixo que o Goberno "nin entra nin sae" en como cada comunidade autónoma usa os seu recursos.

Noticias web

01/12/2020