CRTVG

Buscar

Madrid e Barcelona non pedirán o cambio á fase 3

Publicado o 10/06/2020 16:28
Madrid e Barcelona non pedirán o cambio á fase 3

A Comunidad de Madrid e as áreas de Barcelona e Lleida non pedirán o paso á fase 3 do plan de desescalada a partir do 15 de xuño, algo que si solicitarán a Comunidade Valenciana, Castela e León, Ceuta e as provincias de Toledo, Albacete e Cidadr Real, mentres que Galicia estuda deixar sen efecto o estado de alarma o vindeiro luns.

A Comunidad de Madrid foi a última en decidirse e, tras un debate interno no propio Goberno rexional, finalmente acordou que non pedirá pasar á fase 3 a próxima que vén, nin barallou de momento ningunha medida en concreto para flexibilizar a fase 2. Así o anunciou este mércores o vicepresidente da Comunidad de Madrid, Ignacio Aguado.

Con todo, a presidenta da Comunidade, Isabel Díaz Ayuso, e o conselleiro de Sanidade, Enrique Ruiz Escudero, evidenciaron as súas discrepancias sobre este tema a principios de semana, xa que a primeira avogou por ir "aos poucos" e o segundo expuxo pedir o progreso de fase.

Tamén houbo debate en Cataluña, onde a Generalitat propoñerá ao Ministerio de Sanidade que o vindeiro luns só avancen á fase 3 as rexións sanitarias da Cataluña Central e Xirona, polo que Barcelona e a súa área sanitaria e tamén Lleida terán que seguir unha semana máis na fase 2. Con todo, a alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, o Gremio de Restauración e outros sectores económicos da Cidade Condal presionaran para que a área metropolitana puidese progresar o luns a fase 3 argumentando que o índice de contaxios na cidade é baixo.

Mentres, o xefe de Epidemioloxía do Hospital Clínico de Barcelona, Antoni Trilla, cre que é "mellor e máis prudente" manter as rexións sanitarias de Barcelona e Lleida en fase 2 ata o 21 de xuño. "Serían 14 días, o prazo máis ortodoxo" para cambiar de fase, dixo o asesor do Goberno.

Onde non houbo dúbidas foi na Comunidade Valenciana, que xa enviou a Sanidade toda a documentación para progresar de fase a partir do próximo luns con mobilidade entre as tres provincias. De conseguilo, o president da Generalitat, Ximo Puig, exporá iniciar a mobilidade exterior da súa comunidade coa Reción de Murcia e Baleares e posteriormente con Castela-A Mancha e Aragón, aínda que nunha data aínda por decidir.

Sobre a mobilidade entre Euskadi e Cantabria, o lehendakari, Iñigo Urkullu, dixo hoxe que espera que o vindeiro luns se poida permitir o tránsito entre ambas comunidades, pero asegurou que analizará "todos os datos" para que esa circulación de persoas "tampouco poida xerar unha situación non desexada en ningunha outra comunidade".

Urkullu sinalou que mantivo "varias conversas" co presidente de Cantabria, Miguel Ángel Revilla, e ambos manifestaron na conferencia de presidentes do pasado domingo que, "se as circunstancias o permiten, o luns" puidesen "posibilitar a mobilidade" entre as dúas rexións, xa que ambas están en fase 3. Con todo, o conselleiro cántabro de Sanidade, Miguel Rodríguez, manifestou que o brote de COVID en dous hospitais do País Vasco "inflúe" á hora de tomar esa decisión.

Pola súa banda, Castela e León prevé pedir o pase á fase 3 para o luns 15 de xuño, só sete días despois de pasar á dúas, avalada polos seus datos sanitarios. A conselleira de Sanidade, Verónica Casado, explicou que os datos epidemiolóxicos e sanitarios o avalan, e aínda que sempre apostou pola prudencia, deixando pasar 15 días entre fase, agora van arriscar " un pouquiño" e pedir ese pase á tres para o vindeiro luns.

Será este xoves cando se analice co Ministerio o posible tránsito, ao que -segundo dixo a conselleira- animaron tanto o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, como o ministro Salvador Illa.

Pola súa banda, o Goberno de Castela-A Mancha solicitará que Toledo, Albacete e Ciudad Real pasen á fase 3, na que xa están as outras dúas provincias da comunidade autónoma e tamén o fará o presidente da cidade autónoma de Ceuta, Juan Jesús Vivas, que apelou á "responsabilidade e prudencia" dos cidadáns para impedir que se produzan novos rebrotes.

Precisamente a aparición de novos contaxios obrigaron a Ceuta a permanecer unha semana máis na fase 2, pero Vivas asegurou que as circunstancias "cambiaron", xa que a cidade leva cinco días sen ningún positivo.

 

Noticias web

10/06/2020