CRTVG

Buscar

Madrid comeza a facer tests de antíxenos para detectar asintomáticos

Publicado o 29/09/2020 14:19

A Comunidade de Madrid, epicentro desta segunda onda da pandemia de coronavirus, comezou hoxe a facer tests de antíxenos para detectar asintomáticos nas zonas básicas de saúde con maior incidencia de contaxios.

No resto da península continúan producíndose confinamentos de poboacións enteiras, entre as últimas en aplicar restricións están Funes e Falces, en Navarra, e Totana, en Murcia, que retrocede por segunda vez á fase 1. Son algúns dos primeiros mil veciños do distrito madrileño de Puente de Vallecas que se someten ao test de antíxenos para detectar contaxiados por coronavirus que non presentan síntomas.

A proba identifica proteínas da superficie do virus e para facela non se necesitan equipamentos especiais, nin intervención do laboratorio.

Vinte minutos despois de recollida a mostra temos o resultado, se é positivo terá que permanecer dez días illado.

"Si o vexo necesario, pero eu cría que era algo máis, como que ían dicirche se o pasaches, se tes anticorpos, se os tiveras, e demais".

"De aquí para diante non sei se me contaxiarei ou non me contaxiarei, pero agora mesmo estou ben".

Outra comunidade especialmente afectada polas repuntas da covid-19 é Murcia, onde varias localidades permanecen confinadas.

A última é Totana, que por segunda vez regresa á fase 1 despois que os contaxios na última semana superaran os mil casos por cada cen mil habitantes.

"É que eu creo que é necesario porque estamos xa nunha situación outra vez preocupante".

Confinadas tamén polo incremento de contaxios están as vilas navarras de Funes e Falces, na mesma comarca que Peralta, que leva desde o xoves pasado coa mobilidade restrinxida.

"É verdade que os nosos números non melloran e o que non mellora, como di, empeora. Había que facer algo drástico para baixalos".

Os residentes só poden abandonar os límites municipais por causa xustificada, non poden reunirse máis de 6 persoas e a hostalería pecha ás dez da noite.

Noticias web

29/09/2020