CRTVG

Buscar

Madrid clausura as terrazas ante o COVID-19 e recomenda pechar os bares

Publicado o 13/03/2020 15:13

Desde hoxe están clausuradas as terrazas e espazos exteriores da hostalería madrileña e os bares e restaurantes están empezando a pechar de xeito voluntario. O Concello está clausurando tamén parques infantís e pechan institucións, como a Asemblea de Madrid e o Senado. Son as últimas medidas para conter a epidemia, xa que autoridades sanitarias prevén un pico exponencial do contaxio nos próximos días e insisten na importancia de que os cidadans queden na casa.

Case 600 novos casos se detectaron na Comunidade de Madrid desde onte e hai 190 ingresados en unidades de Coidados Intensivos.

Nos próximos días prevese un pico exponencial do contaxio, polo que medra a escalada de suspensión de actividades. Despois de que pecharan museos, bibliotecas, ximnasios públicos, cines e teatros, o alcalde da cidade suspendeu hoxe as licenzas ás terrazas e recomendou a bares e restaurantes que pechen. Moitos xa o están facendo, e nos comercios abertos apenas hai clientes.

Madrid está triste. Onte á tarde nesta zona, que é de moitísimo ambiente, as tendas estaban practicamente baleiras. Non hai alegría"

Os parques infantís tamén están clausurados e a asamblea de Madrid anunciou este mediodía que pecha ata o 26 de marzo, igual que outras institucións como o Senado.

De momento seguen abertos espazos ao aire libre como o Retiro, nos que o Concello controla o número de visitantes. Segundo o alcalde, non se desbota que haxa que adoptar novas medidas, mesmo o confinamento. As autoridades sanitarias non deixan de recomendar aos cidadans que queden na cidade e dentro das súas casas.