CRTVG

Buscar

Madrid, Barcelona e zonas de Castela e León quedan nunha fase 0 aliviada

Publicado o 15/05/2020 19:40

Catorce comunidades que engloban 32 millóns de persoas, un 70 % da poboación, superaron a fase 0 do plan de desescalada e pasaron á fase 1 ou mesmo, no caso dalgunhas illas, á fase 2, salvo a Comunidade de Madrid, Barcelona e amplas zonas de Castela e León.

Segundo informou en conferencia de prensa o director do Centro de Emerxencias e Alertas de Sanidade, Fernando Simón, o Ministerio de Sanidade rexeitou por segunda vez a petición de que pasase á fase 1 da desescalada, aínda que poderá poñer en marcha "algunhas medidas" de alivio.

A diferenza de Madrid e Cataluña, toda a Comunidade Valenciana pasa agora á fase 1 de desescalada, así como Castela-A Mancha e toda Andalucía, mentres que as illas canarias de Hierro, A Gomera e A Graciosa, e Formentera, en Baleares, pasan directamente á fase 2.

A Comunidade de Madrid xa solicitara pasar á fase 1 o 11 de maio, pero o Ministerio de Sanidade rexeitouno alegando a falta de mecanismos de detección precoz de COVID-19 na poboación, entre outras causas.  Fernando Simón, xustificou na "prudencia" a pesar de que a súa evolución é "moi favorable".

Simón, recoñeceu que houbo unha "discusión importante" coa Comunidade pero decidiuse que non avance de fase: "Fixeron un traballo excelente, pero ten unhas características particulares". "Aínda que a evolución é moi favorable, segue habendo un numero importante de casos non detectados", asegurou. Con todo, Simón mostrou a súa confianza en que a Comunidade de Madrid poida entrar en fase 1 en breve.

No caso de Castela e León, o Ministerio de Sanidade deu luz verde ás demandas do Goberno rexional para que 42 novas zonas básicas de saúde -225.000 habitantes-, incluída toda a comarca leonesa do Bierzo, se incorporen á fase 1 da desescalada, polo que o 11 por cento da poboación estará o vindeiro luns nesta nova situación. Con todo, todas as capitais de provincia da comunidade quedan fóra dese pase á fase 1.

Tamén entra na fase 1 o conxunto de Castela-A Mancha, ao incorporárense Toledo, Albacete e Cidade Real, así como Andalucía, ao pasaren á seguinte fase as provincias de Málaga e Granada.

Melloras na fase 0: comercios sen cita previa, pero non terrazas nin xuntanzas

O Ministerio de Sanidade incorporou unhas melloras ou medidas de alivio para as zonas que permanecen en fase 0 da desescalada, como que os comercios  polo miúdo atendan sen cita previa, aínda que con medidas especiais para os maiores de 65 anos, ou velorios con ata dez persoas. 

Tamén se permite a reapertura de servizos sociais e o acondicionamento e desinfección de centros educativos e universidades. Tamén, os velorios con ata dez persoas e asistir a lugares de culto a un terzo da súa capacidade, sempre mantendo medidas de distanciamento e hixiene.

Estarán permitidas algunha actividades culturais, como o préstamo de libros en bibliotecas e a visita a museos ao 30 % da súa capacidade, e a volta ao traballo en centros científicos que tiveron que parar a súa actividade o 14 de marzo.

Salvador Illa, ministro de Sanidade, cre que "foi impresionante. Levamos máis de 8 semanas en estado de alarma e a cidadanía tivo un comportamento exemplar".

Ayuso cualifica de "ataque político" a decisión de Sanidade e anuncia posibles medidas legais

A presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz  Ayuso, sostivo que vai solicitar de maneira formal e por escrito un informe motivado ao Ministerio de Sanidade para coñecer os criterios obxectivos para que se rexeite o avance de Madrid á fase 1 e ameaza con que, de non recibilo, emprenderá "todas aquelas medidas legais" ao seu alcance "para defender os dereitos dos cidadáns da Comunidade de Madrid". 

Nun comunicado, Ayuso considera que a decisión se trata dun "ataque político", que cre que se enmarca na "campaña inaceptable" que emprenderon contra ela. Ayuso asegurou que a autonomía cumpre cos criterios esixido e cualificou de "arbitraria" a conduta do Goberno.

 

Noticias web

15/05/2020