Macrooperación contra o tráfico de drogas: detidas 60 persoas en Huelva, Sevilla e Cádiz
Axentes da Garda Civil desmantelaron unha organización delituosa dedicada ao tráfico internacional de drogas asentada en Huelva, Sevilla e Cádiz coa detención de 60 persoas e a incautación dun alixo de 60 toneladas de haxix.
Trátase da "operación Soterrado" desenvolvida en coordinación coa Europol e coa colaboración da Policía portuguesa. As investigacións comezaron en febreiro de 2020, pero aínda que os traficantes, residían en Andalucía, trasladaron a súa loxística ao sur de Portugal, coa intención de evitar a presión da Garda Civil nas costas españolas.
Os investigadores tiveron coñecemento de que a organización botaba ata catro embarcacións desde o porto de Lagos nun día con tripulación procedente de Cádiz e Ceuta e de que fixera acopio de combustible que almacenaba en Huelva. En distintas actuacións desde marzo de 2020 incautáronse de 1.000 quilos de haxix no estreito de Xibraltar e detivéronse catro persoas; de 1.700 quilos en Isla Cristina e seis detencións ou de 1.300 quilos en Mazagón, coa requisa de embarcacións e de vehículos.
Tamén se detectou unha botadura masiva de embarcacións desde o porto de Lagos, en Portugal, de xeito que saíron ata 12 barcos nun mes a plena luz do día. A rede utilizaba naves industriais nas proximidades de Huelva para reparar as embarcacións.
Finalmente a Garda Civil detivo 31 persoas, ás que se suman os 29 arrestos anteriores durante a investigación e o incautación de 10.300 quilos de haxix, 13 barcos e 40 vehículos, ademais de gasolina ou material informático e de telecomunicacións.