Macron anuncia un novo confinamento nacional en Francia
O presidente da República francesa anuncia un novo confinamento a partir do venres, polo menos ata o un decembro. A prioridade é evitar o colapso das UCI. No país galo, máis da metade están ocupadas con pacientes de covid−19. O mércores rexistraron máis de 36.000 casos novos e 244 mortos. Macron admitiu no seu discurso á nación que o avance da pandemia o sorpredeu, pero que o mesmo ocorre en Europa.
"Estamos todos no mesmo punto: desbordados por unha segunda vaga que será máis dura e mortífera que a primera".
Este segundo confinamento en Francia impedirá saír sen xustificante, prohibirá reunións e eventos e obrigará a pechar comercios. A diferenza do anterior, as escolas seguirán abertas e permitiranse as visitas nas residencias. As universidades deberán dar clase a distancia e as empresas continuarán operando o máximo en teletraballo. O país tamén se pecha internacionalmente, co cerramento das fronteiras extracomunitarias.
"Sabemos que debemos reducir o contacto para así reducir o risco de infección. Por iso precisamos outro esforzo nacional en novembro que comezará o día dous", di Angela Merkel, que recoñece que as novas medidas que anunciou xa se podían tomar hai dúas semanas, pero non acadou daquela un acordo cos lander.
Na última xornada Alemaña rexistrou case 15.000 casos novos de coronavirus e 85 falecementos. A chanceler alemá advirte de que deben actuar para evitar unha grave emerxencia sanitaria e admitiu que descoñecen a orixe do 75 % dos contaxios. Os contactos sociais reduciranse a dous fogares, cun máximo de dez persoas.
En todo o país pecharán bares, restaurantes, cafeterías, salas de concertos, cines, ximnasios. Os hoteis non poderán aceptar pernoitas turísticas. A proridade é dar mantido abertas as escolas e garderías.
A Organización Mundial da Saúde advirte de que toda Europa vive un intenso e alarmante aumento de mortes por COVID−19, case o corenta por cento nunha semana. Os peores datos tenos agora a República Checa, que acaba de pasar a súa primeira noite con toque de recoller.