CRTVG

Buscar

Álvaro de Marichalar promove a Ruta Traslatio na súa aventura de dar a volta ao mundo en moto acuática

Publicado o 27/08/2021 15:12

O explorador e navegante Álvaro de Marichalar fai un alto na súa aventura de dar a volta ao mundo en moto acuática, para colaborar na promoción da ruta xacobea do mar da Arousa e Ulla.

Para que en todo o mundo se poida coñecer mellor que significa a Ruta Traslatio, que siginifica o Camiño de Santiago, o Xacobeo e promover realmente en países nos que é moi difícil de achegar, explica o navegante.

A última etapa da súa volta ao mundo, concretamente dende o porto de Jaffa, Tel Aviv, coincide coa Ruta Traslatio.

Unha oportunidade que non podía perder, indica o presidente da Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, Javier Sánchez-Agustino. Engade que a última das etapas suca o mar Mediterráneo, dende Israel no Porto de Jaffa en Tel Aviv ata España, o que significa que vai percorrer novamento o traxecto de traslación do Apóstolo Santiago. 

Álvaro de Marichalar está a percorrer o mundo en moto acuática para conmemorar o quinto centenario da primeira circunnavegación iniciada en 1519. Marichalar comezou na mesma data, un dez de agosto, no ano 2019, día no que o fixeron Fernando de Magallanes e Juan Sebastián Elcano hai cincocentos anos, e que se converteron nos primeiros navegantes en dar a volta ao mundo.

Rematará a súa peculiar aventura en solitario a finais de 2022 por augas galegas, ano en que tamén finalizará o xacobeo.

Noticias web

27/08/2021