CRTVG

Buscar

Luns de aperturas en varias comunidades autónomas

Publicado o 14/12/2020 08:37

A desescalada avanza en España pero non ao mesmo ritmo que a mellora dos datos da pandemia, pois os contaxios comezan a aumentar lixeiramente. A hostalería, que xa protagonizou protestas en varias comunidades, vai abrindo con limitacións.

Hoxe é luns de aperturas en varias comuninades autónomas, que avanzan nos seus plans de desescalada con especial atención á evolución duns datos que se resisten a mellorar claramente e coa ollada posta no Nadal. 

Remata o peche perimetral de Madrid, pero dúas zonas sanitarias seguirán con restricións. Alí aumentaron lixeiramente os hospitalizados con coronavirus.

En Andalucía subiron algo os contaxios nos últimos tres días; con todo, xa permiten a mobilidade entre concellos da mesma provincia dende esta fin de semana. As cidades xa notaron a maior afluencia de veciños doutras localidades con certa preocupación.

A Xunta de Andalucía planificou os horarios da restauración en dúas franxas, o cal supón o peche de seis a oito da tarde. Máis munición para o sector, que se sente sinalado e convocou novas protestas. 

A desescalada é complexa en Euskadi, que abriu a mobilidade e a hostalería esta fin de semana cun panorama en que soben os contaxios. En Valencia volveu o ocio nocturno, pero xa houbo moitas queixas, polos primeiros incumprimentos e multas. Como ocorreu en Alacante, onde sancionaron doce establecementos. 

Bares e restaurantes retoman tamén hoxe a súa actividade en Asturias, con grandes limitacións. 

E abren os centros comerciais en Cataluña, ao trinta por cento de capacidade.

A situación semella a contraria nas illas. As Canarias están nas súas cifras de contaxios máis altas. E nas Baleares rexistraron o maior número de casos novos do último mes.

Noticias web

14/12/2020