CRTVG

Buscar

Luís César: "Veño por todo e hai tempo para facelo"

Publicado o 09/10/2019 12:12

O novo adestrador do R. C. Deportivo, Luis César Sampedro, afirmou este mércores que chega ao equipo, antepenúltimo na Liga, con ambición para sacalo de onde está e lograr o obxectivo de acabar entre os seis primeiros clasificados porque, na súa opinión, "hai tempo para facelo".

O preparador galego, que se presentou nas instalacións de Abegondo antes do seu primeiro adestramento, revelou que o director deportivo, Carmelo do Pozo, o chamou o sábado, véspera do partido co Almería e que supuxo a destitución de Juan Antonio Albacete Anquela.

Luis César comprometeuse ata final de tempada co Deportivo con opción a continuar en caso de ascenso e dixo que cumpre así "un soño". "Chego a un gran club, de moito prestixio a nivel nacional, un referente a moitos niveis. Estou moi ilusionado de estar aquí. Levo moitos anos de adestrador, vin partidos memorables aquí e sempre soñei con estar un día no banco do Deportivo. Cumpro un soño e estou tremendamente feliz", asegurou.

Recoñeceu que o Deportivo ten "un déficit importante de puntos", pero precisou que iso "non é indicador de nada" nunha categoría que é "de refachos". "É moi importante cando gañas saber por que para cando perdes, saber por que. Ninguén conseguiu nada. Nin o Cádiz pode asegurar que está en Primeira nin nós que estando abaixo xa non podemos alcanzar aos equipos que nos preceden. En Segunda é todo moito máis igualado, é unha Liga de ser consistente e resistente", dixo.

Advertiu de que chega ao Deportivo "par ir por todo, para alcanzar a máxima posición posible" e considerou que "hai tempo para facelo".

"A min gústame o cadro de persoal. Sei que hai moitos futbolistas que non están na súa mellor versión e entre todos temos que facer que brillen. Vexo un persoal moi bo. Sempre digo a frase de que en Segunda somos todos parecidos. Non hai as diferenzas abismais de Primeira onde os ricos están arriba e os pobres, abaixo", apuntou.

Luis César evitou analizar a etapa do seu predecesor, Juan Antonio Albacete Anquela, que foi despedido tras sumar só unha vitoria no primeiras dez xornadas. "Non teño que valorar o anterior. O que pasou non se pode modificar. Se o Deportivo ten poucos puntos será por moitas cousas. Por iso non está no posto soñado. A min preocúpame a partir de hoxe e hai tempo para facer unha gran temporada. Se estou aquí é porque non saíron as cousas, hai puntos que se converten en  indefendibles e por iso hai cambios", expuxo.

O adestrador pontevedrés indicou que quere "un equipo completo, que pense nas dúas porterías e dea importancia a todo o que pasa no campo", que sexa "bo nas catro fases do xogo". "Agora teño que simplificar, seleccionar a carga táctica, ser práctico, e que nas Palmas se vexan cousas que me gustan. Tampouco quero volver tolo aos xogadores cargando unha chea de información. Para que fagan sen pensar as cousas ten que pasar tempo. Non é cousa de chegar e darlle un envorco a todo. Os días son os que son", sinalou.

A marxe de mellora pasa, especialmente, pola defensa: "Son 17 goles en contra e non é viable, así imos á quebra futbolística. Con 70 en contra estás descendido. Temos que defender ben".

Luis César apuntou que "a xente quere ir ao campo e ser feliz, e neste momento a xente do Deportivo é infeliz".

Engadiu que "se este equipo tivese oito puntos máis, habería outro ambiente" e sobre As Palmas declarou que "é moi bo equipo, con moi bos futbolistas e entrou nunha dinámica de sumar puntos". "Hai unhas semanas estaba con problemas e cambiou. É un rival duro como todos", sentenciou o novo adestrador do Deportivo.