CRTVG

Buscar

Luis Cañas, conquense de 93 anos, un dos peregrinos máis veteranos da Ruta Xacobea

Publicado o 17/09/2021 14:09

Entre as miles de persoas que camiñan a Compostela estes días, hai un peregrino de Cuenca moi veterano. Luis Cañas non desentoa e iso que xa fixo 93 anos. Luis Cañas, peregrino nonaxenario: "O meu fillo xa era, animábame el e a min gustábame facer isto e desde a primeira vez que o fixen foi un aliciente para facer os seguintes".

Pai e fillo saíron a fin de semana pasada desde Sarria. Programaron unha ruta con etapas de poucos quilómetros e cómoda. Hoxe atopámolos en Arzúa. Luis Cañas, vicepresidente da Asociación Amigos do Camiño de Santiago de Cuenca: "O peregrino da familia son eu e inculqueille a vocación tardía a meu pai".

O seu primeiro Camiño foi con 80 anos, o segundo con 83, o terceiro con 87, o cuarto con 90 e agora este con 93." Luis fillo di que perdeu a conta das veces que peregrinou a Santiago. Calcula que terá unha trintena de compostelas. O pai empezou máis tarde, sempre co fillo e algunha vez cos netos, pero di que se cansa o mesmo que hai trece anos. 

Luis Cañas, peregrino nonaxenario: "O que máis me gusta son as paisaxes. E a esperanza de poder chegar, claro, que estou seguro. Cando subín a costa de Portomarín, pasei a proba do nove: se sobes esa, sobes todas. Subina sen descansar e perfectamente". L

uis Cañas, vicepresidente da Asociación Amigos do Camiño de Santiago de Cuenca: "Animar a xente que teña dúbidas, que pensan que non poden facelo, que a proba evidente de que se pode facer é meu pai que con 93 anos está ben fisicamente e moita xente que ten dúbidas que as quite e que se anime a facer o Camiño". 

Programaron a viaxe para chegar o domingo a Compostela. E non descartan repetir a experiencia.

Luis Cañas, peregrino nonaxenario: "O ano que vén, se sigo así, tamén o podo facer, pero vou esperar outro ano máis. Probarei con 95, a ver. Polo menos esa é a miña intención".

 

Noticias web

17/09/2021