CRTVG

Buscar

Lugo súmase á Silleda como sede para a celebración de exames de oposicións á Xunta

Publicado o 20/03/2021 20:26

Os primeiros aspirantes a un posto na Xunta, no categoría de psicólogos, chegaban cedo ao pazo de feiras de Lugo, que por vez primeira acolle este tipo de exames. Optouse por esta segunda sede, ademais da de Silleda, para garantir que as probas se levan a cabo de acordo coas normas sanitarias fronte ao coronavirus.

O punto branco no chan indicaba o lugar onde se deben colocar os asistentes, para garantir a distancia social entre todos os aspirantes.

Antes de entrar ao recinto, ademais, compróbase que non porten ningún dispositivo electrónico. Dáselles unha máscara de uso obrigatorio e dentro das instalacións a distancia entre os participantes é de catro ou cinco metros. Medidas que se implantaron para evitar contaxios entre os asistantes.

En total, nesta xornada, entre as dúas sedes de Silleda e Lugo, estaban convocadas algo máis de medio milleiro de persoas para cubrir 152 prazas correspondentes ás categorías de psicólogo e de trabalador social. As probas continúan mañá.

Por outro lado, a Consellería de Facenda acaba de propor aos sindicatos aumentar ata mil as prazas de acceso libre na oferta de emprego público deste ano.

Noticias web

20/03/2021