CRTVG

Buscar

Lugo e varios concellos da provincia sitúanse baixo o foco de Sanidade

Publicado o 19/11/2020 14:05

Lugo acumula catro meses con restricións sanitarias. Medidas que nunca se levantaron e que se endurecían hai quince días xunto ao resto das cidades galegas. Aínda así, segue o goteo de contaxios.

"Hai xente que cumpre e outra que non, non creo que sexa iso". "Eu creo que non cumpre a xuventude". "Na rúa a xente vai con máscara, garda a distancia, pero ese non é o problema, o problema xerase nas comidas familiares", opinan na rúa.

O propio comité apuntaba a un incumprimento das medidas por parte da cidadanía. 

"Dalgún xeito é como se todas as restricións non se estiveran a cumprir, por iso insistir en que hai que facer ese esforzo", manifesta o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

Na rúa hai confianza en que a situación reverta. 

"Baixarán en calquera momento". "Pouco a pouco irán baixando".

Xunto á cidade, Sanidade pon o foco en Sarria e Vilalba, nesta última acaba de detectarse un gromo na residencia de maiores con 30 infectados.

"A situación preocupante, como é un gromo na residencia de maiores, que é un colectivo sumamente vulnerable", explica Elba Veleiro, alcaldesa de Vilalba.

Nesta situación a vila está máis cerca de novas restricións.

"Estariamos máis illados e habería menos contaxios". "Para a hostalería malo, pero canto máis andamos por aí, máis contaxios". "Mentres non pechen, a xente sae e fai a súa vida".

Outros concellos que melloraron os datos, pero sobre os que se mantén a vixilancia, son Burela, Chantada e o ourensán da Rúa.

Noticias web

19/11/2020