Lugo convértese na cidade galega que ten máis cans por habitante
Lugo é xa a cidade galega con máis cans por habitante. A urbe conta cun can por cada 5,9 persoas, moi por riba de Vigo ou de Ourense, onde hai un exemplar por cada 7,5 veciños. Entre as causas desta maior densidade de mascotas podería atoparse o maior avellentamento da poboación, coa conseguinte necesidade de máis animais de compañía. De feito, o número total de cans, de preto de 16.700 exemplares, supera o número de nenos e de menores de 20 anos.
"Hai máis xente maior, e entón para ter compaña buscan un can. E eu creo que agora tamén se está atrasando a idade de ter nenos e entón tamén buscan compañía, pero que non dea tanto traballo coma un neno, neste caso un can".
"Cando tiven os nenos non tiven can. Eu dedicaba o meu tempo aos nenos. Agora teño máis tempo de ocio, podo saír e el faime compañía".
Actualmente, en Lugo hai tres canís municipais, destinados a que os animais fagan as súas necesidades. Pero co incremento da poboación canina poderían non ser dabondo.
"A maior número de cans, maior cantidade de metros cadrados de canís". "Máis zonas en Lugo onde os donos poidan ir cos animais con seguridade e poidan facer as súas necesidades".
Segundo o Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía, no último ano aumentou o censo de cans en Lugo nada menos que un 15 por cento.