CRTVG

Buscar

Lugo é a área con máis positivos por coronavirus logo de tres días seguidos de subas en Galicia

Publicado o 27/07/2020 12:06

• O Sergas confirma 18 brotes no Fuenlabrada, 18 máis ca o xoves

• Sanidade tamén confirma o positivo dun porteiro dun local de copas de Oleiros, que traballa tamén noutros pubs da Coruña

• O brote detectado no concello lugués do Saviñao xa se estende ao de Paradela

 

A sanidade galega confirmaba esta mañá 18 positivos, 6 máis ca o xoves, no equipo do Fuenlabrada que está confinado na Coruña. Son os resultados das PCR realizadas nas últimas horas, aínda que inicialmente o equipo falaba de 20 positivos en total na Coruña e outros 8 en Madrid.

Galicia ten confirmados 54 positivos máis ca o xoves, e sitúase arestora nos 217 tras tres días de repunta. Segundo a última actualización, hai 53 casos na área da Coruña e Cee. E poderían subir nas vindeiras horas por mor do contaxio do porteiro dun local de ocio nocturno de Oleiros, que xa pechou provisoriamente e lle enviou ao Sergas unha lista de 130 clientes para o rastrexo de contactos. Esta persoa, que está illada no seu domicilio, tamén traballa noutros locais. Ademais, nesta cifra da Coruña inclúense os casos que suma o equipo do Fuenlabrada, illado dende hai unha semana no hotel NH e que suma 20 infectados. Os veciños da cidade están indignados pola situación xerada.

Vigo ten 35 pacientes activos con coronavirus, o dobre que hai menos dunha semana, e oitenta persoas illadas por estaren en contacto con eles. O último abrocho que rexistraron está relacionado cunha fiscal dos xulgados que deu positivo. Confirmáronse dous contaxios do seu contorno familiar e xa se puxeron en corentena trinta persoas por este brote. Nesta área sanitaria hai dúas persoas hospitalizadas no Álvaro Cunqueiro, unha na UCI. O brote do Porriño continúa controlado e as probas realizadas aos asistentes dunha festa nun barco na ría de Vigo manteñen os resultados en dous positivos.

 

 

 

Noticias web

27/07/2020