Últimos preparativos no Parador Costa da Morte antes de abrir as súas portas
A unha semana da súa apertura, o Parador Costa da Morte xa ten as 65 habitacións ocupadas para os meses de xullo e agosto. Hai moita expectación pola inauguración desta instalación integrada na ladeira da praia de Lourido e que promete ser un motor da economía e do emprego na zona. O estado de alarma retrasou a sua apertura, prevista para Semana Santa, e adiada ata o xoves que vén. Agora están cos últimos detalles para que a estancia deses primeiros clientes sexa pracenteira, inesquecible e sobre todo segura, libre de coronavirus.
Mirar ao Atlántico somerxidos nunha piscina infinita, baixo os chorros do spa ou desde algunha das súas suites. A oferta do parador muxián é tan tentadora que antes de abrir xa pode colgar o cartel de cheo.
Xestouse a raíz da catástrofe do Prestige. Pero quere converterse nun símbolo do contrario, unha homenaxe á natureza, á cultura e á xente dunha costa única.
Limpeza, control de acollida, distancia entre as mesas... Aos últimos preparativos súmanse ás medidas de prevención da Covid, para unha estancia pracenteira e segura.
O de Muxía será o parador numero 98 da cadea. O máis vangardista e tamén o máis demandado para desconectar da pandemia.