A lava do volcán entrou case medio quilómetro no mar e medra a actividade explosiva
• A mellora da calidade do aire permite levantar os confinamentos
• A última coada toma contacto coa primeira que emerxeu do volcán

Un novo foco de emisión súmase ás dúas bocas que se abriran na madrugada do venres. Hai xa seis focos emisores de lava nestes momentos, e non se descarta que poidan producirse máis que emitan material volcánico.
Nas últimas 24 horas houbo 21 sismos na illa da Palma, segundo confirma o Instituto Xeolóxico Nacional. Estes sismos, algún deles perceptibles pola poboación, puideron ser a causa da apertura dunha terceira boca no volcán de Cumbre Vieja.
A lava que sae polo terceiro cono é moito máis líquida, polo que corre máis rápido en dirección ao mar e xa se uniu esta tarde ás coadas de días anteriores. O persoal científico que monitoriza a actividade volcánica na Palma pensa que esta situación vai durar bastante tempo.
A lava que está chegando á costa xa penetrou no mar case cincocentos metros, co que incrementou a superficie da illa en case 28 hectáreas. Os investigadores do buque Ramón Margalef din que a lava pode penetrar no mar ata 800 metros de profundidade, ata un lugar onde o fondo mariño cae bruscamente.
Pedro Sánchez volve á illa
Este sábado visitou a zona o ministro da Presidencia, Feliz Bolaños. Hoxe, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, volverá á illa para coñecer as prioridades e as propostas dos municipios afectados, do Cabido e do Executivo rexional.
Bolaños lembrou que o Consello de Ministros acordou destinar 10,5 millóns de euros á Palma e asegurou que nos próximos días os cartos estarán ao dispor das autoridades para a compra de vivendas.