Últimas horas de uso obrigatorio da máscara ao aire libre
Son as últimas horas de uso obrigatorio das máscaras no exterior, unha medida que se recibe cunha mestura de alivio, pero tamén con certa preocupación, sobre todo entre a xente de maior idade.
As máscaras poderán retirarse ao aire libre sempre e cando se manteña unha distancia de metro e medio entre non conviventes. Tamén en actos co público sentado mantendo a distancia de seguridade.
Seguirán sendo obrigatorias en eventos multitudinarios ao aire libre, cando os asistentes estean de pé. Nas terrazas tamén haberá que levalas se non se mantén a distancia.
En calquera caso, haberá que tela sempre á man para cando entremos en espazos pechados.
Os residentes dos centros de maiores tamén poderán retiralas sempre e cando estean vacinados o 80 por cento dos usuarios.
O 1 de xullo darase outro paso cara á normalidade coa apertura dos locais de lecer nocturno. A ocupación quedará reducida á metade no interior. Poderase bailar, pero sempre con máscara e sen achegarse aos demais.