CRTVG

Buscar

Última xornada do xuízo contra o empresario ourensán acusado de dous intentos de secuestro

Publicado o 14/02/2019 16:26

Quedou visto para sentenza na Audiencia Provincial de Ourense o xuízo contra o acusado de intentar secuestrar un coñecido avogado da cidade e a súa familia. A fiscal pídelle sete anos de prisión, pero a acusación particular elévao a 38, por haber menores implicados. O acusado insiste en que só houbo ameazas, motivadas por unha elevada débeda.

Tres funcionarios do cárcere do Pereiro de Aguiar compareceron hoxe como testemuñas na segunda e última sesión do xuízo contra este home, acusado de contactar con ata tres sicarios para extorsionar, supostamente, un coñecido avogado da cidade. Todos corroboraron a versión do denunciante: que o acusado, daquela en prisión preventiva, falou cun preso do Pereiro para que, cando saíra en liberdade, secuestrara e extorsionara o avogado. O preso en cuestión non asistiu, pero si compareceu outro preso, testemuña da defensa, que o negou todo. A versión do acusado, elevada a definitiva polo seu avogado, é que só pretendía cobrar unha débeda, e que non houbo ningún intento de secuestro nin extorsión, só ameazas.

Para a acusación particular, o acusado é autor de catro delitos de intento de secuestro, un por cada membro da familia, en que había dous fillos pequenos.

A fiscalía pide de seis anos e medio a sete de prisión e outros sete de aloxamento. Atribúelle ao acusado tres delitos de proposición para detención ilegal.

 

Noticias web

14/02/2019