CRTVG

Buscar

Abertas dilixencias penais polo 'escrache' ao alcalde de Pontevedra

Publicado o 23/04/2021 15:31

O Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra abriu dilixencias penais para investigar o escrache sufrido polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e membros do seu Goberno por parte de persoal de Ence e sindicalistas de Comisións Obreiras.

A causa parte do informe elaborado pola Policía Local tras a entrada dun grupo de manifestantes ás dependencias administrativas do Concello de Pontevedra, onde se pecharon durante varias horas.

Fernández Lores acudiu este venres aos xulgados para comparecer en calidade de testemuña ante o xuíz que instrúe esta investigación. Segundo explicou á saída, ratificou os feitos que recolle o parte policial, remitido ao xulgado no seu día por estaren "obrigados" ante calquera feito que poida ser constitutivo de delito.

Na súa declaración, reiterou que na devandita mobilización "houbo intentos de agresión" contra el que non chegaron a máis porque os axentes, que formaran un cordón de seguridade para protexer a súa saída, "fixeron unha placaxe coma as do rugby".

"Actuacións violentas e insultos"

Ademais de "alterar" o funcionamento do concello ao "invadilo", asegurou, el e os demais membros do seu Goberno recibiron "insultos". Tras ser perseguidos ata o aparcadoiro, os manifestantes "golpearon o meu coche, pegáronlle patadas e cuspiron no capó", engadiu.

"As actuacións violentas deste tipo non son de recibo", salientou o alcalde, que entende que "cada un defende os seus intereses" e el defende "os da cidadanía". Pero "a min non me van a acovardar porque fagan cousas deste tipo", advirte.

A pesar diso, o Concello "probablemente" non se vaia presentar nesta nova causa e, segundo adiantou o alcalde, el tampouco pedirá indemnizacións polo sucedido.

Noticias web

23/04/2021