CRTVG

Buscar

'Longa noite', de Eloy Enciso, no Festival de Locarno

Publicado o 04/08/2019 17:02

Esta semana dá comezo un dos certames de cine máis sobranceiros do panorama internacional. O Festival de Locarno, en Suíza, presenta dúas propostas a concurso saídas de Galicia. O filme Longa noite, de Eloy Enciso, participada pola Televisión de Galicia, e a curta 16 de decembro, de Álvaro Gago.

Son as primeiras imaxes de Longa noite, filme en galego que compite polo Leopardo de ouro no Festival de Locarno.

Longa noite é o terceiro filme de Eloy Enciso e a súa segunda participación neste festival suízo de clase A, unha categoría da que só hai quince certames no ámbito do cinema internacional.

Anacos de obras de teatro, memorias e cartas de presos en cárceres franquistas con inspiración en textos de Max Aub ou Luís Seoane. Longa noite recolle diferentes voces para explorar os fundamentos sociais e políticos do fascismo.

En Locarno haberá presenza galega tamén na sección de curtas con 16 de decembro, de Álvaro Gago. Unha Galicia máis actual que atende problemas tan graves coma a violencia de xénero. O cinema galego segue aparecendo entre as grandes citas anuais da cinefilia.

Noticias web

04/08/2019