Londres ten de prazo ata o 22 de maio para aprobar o acordo do 'brexit'
• O Parlamento británico debe aprobar o acordo de saída
• Dous millóns de británicos asinaron onte unha petición para que se revoque o artigo 50 e o Reino Unido siga na Unión Europea
Despois horas longas de discusión, hai acordo aínda que persiste a incerteza. Theresa May non logra pospoñer o brexit ata o 30 de xuño, como pretendía: danlle só ata o 22 de maio, xusto un día antes do comezo das eleccións europeas.
"Sempre e cando o Parlamento británico aprobe o acordo de saída", advirte Macron.
O presidente español, Pedro Sánchez, expresa tamén a necesidade de velar pola seguridade xurídica dos comicios comunitarios: "Tivemos unha posición moi constructiva de entender cales son as razóns do Reino Unido e cal é a realidade do parlamento británico; pero sen dúbida algunha, hai a necesiade de salvagardar a unión de todos os países membros e, en segundo lugar, salvagardar tamén as garantías xurídicas que precisa un proceso electoral tan importante para España e para o resto da unión europea como é o do 26 de maio", explica Pedro Sánchez.
Se Westminster rexeita o acordo de May, e sería xa a terceira vez, os 27 ofrecen unha prórroga longa, para evitar unha saída abrupta, pero coa obriga de que os británicos participen nas eleccións ao parlamento europeo.
"Un acordo para darlle tempo ao parlamento británico", explica a primeira ministra, para quen esta segunda opción podería supoñer a fin da súa carreira política.
O líder da oposición, Jeremy Corbyn, visitou tamén onte Bruxelas e afirmou que a prioridade é evitar un brexit sen acordo, pola brava, que todos consideran nefasto.
Así, dous millóns de británicos asinaron onte unha petición para que se revogue o artigo 50 e o Reino Unido siga na Unión Europea. Non ten ningún tipo de efecto legal, pero fixo colapsar a web da Cámara dos Comúns.