Londres pide a segunda prórroga do 'brexit' e a UE ábrese a aceptala
Nova volta na roda de muíño en que se converteu o proceso do brexit. O presidente do Consello Europeo, Donald Tusk, amosouse esta noite pasada disposto a aceptar a prórroga que lle pide Westminster. A segunda. Non deron resultado os esforzos de Boris Johnson para convencer os máis escépticos co acordo, e no Parlamento británico gañaron outra vez os partidarios de pedir máis tempo a Bruxelas.
A conclusión, despois de moitas sesións na Cámara dos Comúns, moitas de apariencia tediosa e redundante, é que a mairoría dos representantes do pobo británico quere un brexit con acordo, pero non calquera acordo.
Johson traballou na trastenda do Parlamento e anunciara que convenceu a uns cantos euroescépticos e ata a uns poucos laboristas partidarios de deixar Europa. Pero os números son os números e non deron: 322 deputados fronte a 308 rexeitaron a proposta de goberno.
O líder da oposición ofreceulle a Johson traballar xuntos e consensuar un calendario. Pero o primeiro ministro considerouno unha broma, un chiste, e volveu axitar a pantasma das eleccións anticipadas que non desexan os laboristas.
Ao final, o premier marchou para Downing Street coas posibilidades de eleccións máis alonxadas e cunha mensaxe de Tusk. O presidente do Consello Europeo anuncia nas redes sociais que é partidario de aceptar outra vez a prórroga que pide Londres. Todo para evitar o temido divorcio polas malas.