CRTVG

Buscar

Controlado o incendio que calcinou catro naves no polígono do Ceao en Lugo

Publicado o 11/04/2021 14:57

• Precisouse activar o nivel 1 do plan de emerxencias de Galicia

Espectaculares imaxes do incendio a vista de dron

O lume comezou ás sete menos vinte da mañá na nave de Castro Parga, unha empresa de pinturas, vernices e parqués situado no número 26 da rúa da Industria, no polígono do Ceao.
Dada a composición dos materiais, altamente inflamables, as chamas deseguida pasaron ás naves veciñas.

Unha das maiores preocupacións está nesta gasolineira, situada nas proximidades das naves afectadas, polo que unha das actuacións máis urxentes foi baleirar os depósitos de combustible para evitar a súa deflagración no caso de que chegase o lume.

Segundo avanzaba a mañá, o fume tornábase cada vez máis negro debido á combustión dos pneumáticos.

A parte traseira destoutra nave de frigoríficos tamén quedou completamente afectada. Os seus responsables apresuráronse a sacar as bombonas para evitar que estourasen.
Os traballadores doutras empresas lindeiras, afectadas en maior ou menor medida, tamén se apresuraron a retirar documentación e distintos obxectos para evitar que poidan quedar afectados polo lume.
Outra das naves pegadas é a do Progreso.

Malia a rapidísima actuación dos bombeiros de Lugo, dada a inflamabilidade dos materiais e as dimensións do incencio, activouse o nivel un de emerxencia e está sendo necesaria a axuda dos bombeiros de todas as bisbarras próximas, como Monterroso, Chantada ou Becerreá, ademais dos medios de Protección Civil, Policía Local, Autonómica e Nacional, que investigan a orixe do lume.

Entre as posibles causas que se barallan está a dun curtocircuíto.

 


    #AXEGAInforma de que está activo un incendio industrial no polígono do Ceao, en #Lugo, orixinado nunha nave de pinturas na avenida da Industria. Interveñen: #BombeirosLugo, #BombeirosVilalba, #PolicíaLocal, @policia, #ProtecciónCivil e servizos sanitarios. pic.twitter.com/JRcV256WK7

Noticias web

11/04/2021