CRTVG

Buscar

Logo da parada pola pandemia, recupérase a demanda de cursos no estranxeiro

Publicado o 20/04/2021 15:20

A pandemia freou en seco os programas de mobilidade internacional para os estudantes. Entre os de fóra que veñen aquí, e os de aquí que marchan fóra, antes da covid unha universidade como a de Santiago movía máis de 1.200 alumnos ao ano. O curso pasado foron pouco máis de catrocentos.

"Reducimos arredor dun 60 por cento a mobilidade, entrante e saínte", explica Víctor Arce, vicerreitor de Estudantes e Proxección Internacional da USC. Para el, a do ano pasado "foi unha situación coxuntural" que cre que "xa estamos superando".

Di que xa se notan os síntomas desa recuperación. Están abertas as convocatorias do programa Erasmus e dos convenios bilaterais con terceiros países, e a demanda é alta. "Incluso nalgún caso temos máis solicitudes agora que mobilidade houbo no ano anterior á pandemia" confirma Arce. 

Tamén notan a melloría nas axencias que organizan cursos de idiomas no estranxeiro.

"Temos moitas solicitudes de universitarios, tamén de ano escolar no estranxeiro", di Patricia González, directora da axencia Connectors Plus en Vigo. Tamén o confima Raquel Losada, responsable de cursos no estranxeiro do Centro Británico en Compostela: "Temos xente que vén, que pregunta, que non ten tanto medo. Hai moita xente que está moi animada e que non quere perder outro ano".

Están á espera de como quede a normativa sanitaria no Reino Unido, o destino estrela, para acabar de pechar as reservas, pero xa contan con recuperar a actividade para este verán.

Noticias web

20/04/2021