Localizan en bo estado unha muller desaparecida en Lugo en 2016
Lorena Piteira Espinosa, a muller de 47 anos que desaparecera en Lugo en novembro de 2016, foi localizada en bo estado. Os corpos de seguridade deron con ela unha vez reactivada a busca por orde do xulgado encargado do caso. Os seus familiares perdéranlle a pista cando a muller residía na capital luguesa, aínda que non presentaron denuncia na Comisaría da Coruña ata un ano despois.
Manuel Arias, voceiro da Comisaría de Lugo: "Esa muller residiu en Lugo durante uns meses. No domicilio onde esta houbo uns impagos e entón o caseiro botouna da casa. A partir de aí, en Lugo non se soubo nada máis. Como nas primeiras investigacións da desaparición se puido saber que estivera de alugueiro en Lugo, pasáronse esas dilixencias a un xulgado de Lugo".
Posteriormente, a Policía Nacional dera con pistas que situaban a desaparecida en Santiago e en Camariñas. Isto fora en 2018, e dende entón non volveran ter novas do seu paradoiro. Finalmente, trala reactivación do caso, a muller deu aviso de que se encontraba ben.
Manuel Arias, voceiro da Comisaría de Lugo: "A raíz da publicación en prensa da foto da rapaza, houbo unha persoa que a identificou, que a coñecía e que se puxo en contacto con ela e ela presentouse nunhas dependencias das forzas e corpos de seguridade. Manifestou que estaba perfectamente e que non quería que se andara buscando, que era maior de idade e que quería levar a súa vida con total normalidade, sen ningún tipo de publicidade a maiores".
Lorena Piteira encontrábase en Galicia cando se puxo en contacto cos corpos de seguridade para que a súa busca fose desactivada.